logo Muvicla

Casa Vazquez

A casa de Vázquez

Situación

A Casa de Labranza (explotación agrogandeira en termos modernos) coñécese na comarca e territorios limítrofes como “CASA DE VAZQUEZ”, atópase situada no cuadrante noroccidental do Concello de Láncara no límite co Concello de O Corgo. A Parroquia denomínase “Trasliste” (Cítase Sancto Iohanne de Terlisti en 1125 -Tumbo 54-), e o lugar onde se empraza a vivenda familiar e as instalacións principais que dan servizo á casa chámase “A Eirexe” (por atoparse xusto ó lado da Igrexa parroquial -cítase “ecclesia Sancti Iohannis de Terdisti no 897”, (Tumbo 54). Pertence esta parroquia ó Concello de Láncara, o cal conta actualmente con 2620 habitantes, 390 casas de labranza en activo e unha extensión de 121000 ha cruzadas polo Río Neira, o cal, deixa ós seus lados a ladeira Oeste do Concello culminada polas parroquias de Trasliste e Toirán, e a ladeira Este, culminada pola extensa e viva parroquia de Cedrón.

Século XIX

A casa de pedra habitada na actualidade foi construída a finais do S. XIX, cos beneficios obtidos co traballo dun antepasado que se dedicaba na estación estival á sega intensiva de cereal por terras castelano-leonesas, organizando cuadrillas de xente do lugar, para acadar o nivel económico que lle permitise poder construír unha vivenda xa digna por aquel entón. Esta construción realizouse en dúas etapas, posto que este antepasado, cando retornaba do seu traballo de campaña, foi saqueado e asasinado para roubarlle os cartos que traía. Iniciouse tamén a consolidación da propiedade parecida a como está hoxe concebida.

1900-1910

Remate de construcción da casa e continuidade na consolidación da propiedade, mediante a adquisición de fincas e realización de peches de pedra das mesmas. A cabana gandeira inda nos estaba nada especializada, había ovellas, vacas, bois, cabalos, burros, galiñas e coellos. Sementábase centeo.

1910-1950

Periodo moi combulso respecto da organización da propiedade rústica, posto que houbo litixiosidade abundante entre os herdeiros/as da casa, e os que se quedaron ao frente dela tiveron que facer grandes esforzos para manter a base territorial.

1950-1970

Unha vez consolidada a nivel legal a propiedade, e xa no 1968, Casa Vázquez entra de cheo no proceso de modernización, especialización e mecanización da produción. A introdución de razas adaptadas á produción e non ao traballo unida á diminución progresiva da man de obra dispoñible nas casas e ás tendencias que o mercado español foi xerando (no ano 1952, Franco, declara de interese nacional a fabricación de maquinaria agrícola) fan que no ano 1966 se adquirira o primeiro tractor, de segunda man por 80000 pesetas, diñeiro do que non dispoñían naquel intre, e, como o crédito non era doado de conseguir, valéronse dunha axuda á mellora dos medios de produción agrarios dun organismo chamado “hermandad de labradores”, que lles prestou 75.000 pesetas, a pagar en 5 anos, cunha cuota de 19000 pesetas por ano, e tramitada polo Banco Hispano Americano (sucursal de Santo Domingo en Lugo).

1970-1977

Emigración. No ano 1972, Manuel e Oliva, os responsables directos da casa na actualidade (Manuel xa xubilado), decidiron emigrar quedando a Casa a cargo de Ermitas e Manuel, os seus pais. Estiveron case 6 anos na Suiza Alemana, e no 1973 naceu Marcos, que con 15 días de vida, quedou só cos seus avós maternos (Alicia e Ernesto).

Regresaron no ano 1977 e o diñeiro aforrado permitiu modernizar a casa (sacando as vacas dela), facer instalacións (palleira e primeiro establo), melloraron a cabana gandeira (especializándose en vacas rubias para a produción de carne, aínda que fixeron un intento con frisonas mercando dúas que se chamaban “Pinta” e “Holanda”), plantar maceiras emulando o modelo suízo de plantacións perimetrais, e modernizando o parque de maquinaria coa adquisición de novas máquinas, coma un muíño de martelos e a cisterna para xurros.

Manuel e Oliva lembran este anos como anos de duro traballo e de sacrificios persoais e familiares importantes, mais recoñecen que representou unha importante oportunidade. É interesante a equiparación que fai Manuel, el compara estes anos co tempo e sacrificios investidos en facer unha carreira (incluso aprendeu a falar en alemán).

1977-1999

Transformouse moito a propiedade para a produción de forraxes para o gando, introduciuse moita mecanización (no 1985 adquisición dun tractor novo), e aumentouse moito o número de cabezas de gando vacún, pasando de 4 a 50 animais de presentes na labranza. Marcos realizou os estudos universitarios de enxeñería agrícola; durante todo este período, o titular oficial foi Manuel.

1999-2014

No 1999, obtense a certificación de calidade de “Agricultura ecolóxica” para a produción de mazá para sidra. No ano 2000, Marcos, contrae Matrimonio con María. Neste período releva a titularidade da labranza Oliva. Mellorase moito a plantación de mazairos. No ano 2003, restaurase o primeiro tractor do museo (o MF 65), no 2004 nace Brais.

2014-actualidade

Toma o relevo da labranza Marcos, e inicia un proceso de transformación cara un sistema a tempo parcial, moi profesionalizado, no que se intengran tendencias económicas como o decrecemento. No 2015 obtense a certificación da produción de carne como ecolóxica, pasando a ser das primeiras de Galicia con dobre certificación (eco e ternera gallega suprema). No 2019, inaugurase MUVICLA.