O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria, Muvicla, localizado na casa de labranza Casa de Vázquez, de Trasliste (Láncara), celebrou durante o día de hoxe unha xornada sobre as alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas, na que se abordou o futuro da enerxía que se usará na produción de alimentos e se deu unha visión histórica para proxectar mellor a xestión da enerxía.
O encontro comezou coa benvida de María José Bande, investigadora do CIAM e presidenta da Asociación de Amigos do Muvicla, e a inauguración da xornada a cargo de Francisco José Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio da USC.
A primeira presentación do día, titulada “Como será o tractor do futuro”, foi desenvolvida polo director do museo, Marcos Vázquez, e por Brais Vázquez, director júnior do mesmo.
Seguidamente, Manuel Lage, secretario xeral de AESSGAN, ofreceu un relatorio sobre alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas e, para rematar a mañá, todos os asistentes puideron gozar dunha visita ás instalacións do Muvicla.
Pola tarde, o investigador do CSIC, Antonio Turiel, introduciu a mesa redonda “Agricultura e alimentación, con que enerxía?”, na que participaron Santiago Souma, enxeñeiro agrónomo en Durán Maquinaria; José Ramón Freire, director xeral da Asociación Española de Bioetanol; Gema Flores, enxeñeira agrónoma; Olga Iglesias, doutora veterinaria, representante da Consellería do Medio Rural, e Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. A mesa foi moderada por José María Álvarez, director comercial de El Progreso.
O evento foi clausurado por Pablo Rivera, diputado provincial da Área Económica e Social da Deputación de Lugo, ao que acompañaron cunha interpretación musical Iván Martínez, director da Banda Filharmónica de Lugo, e Brais Vázquez, á percusión.